A lingua máis bela do mundo

Submitted by admin on Mon, 06/21/2021 - 20:58

Xa vexo aos meus amigos e amigas dicindo que vaia!, xa está Manuel esaxerando. A quen quererá engaiolar?

Pois non, meus queridos amigos e amigas. Esta frase non a dixen eu. Escoiteina. Hai uns anos, cando, antes da pandemia, era posible viaxar. Que tempos aqueles!

Onde? pois en Ibiza, ou Eivissa, na feira hippy de Ibiza que se fai no interior periodicamente. Estaba mercando libros e merquei algún libro, un, como podedes imaxinar, sobre os misterios do mundo. O libreiro preguntoume de onde era, galego, lle dixen.

Ah, suspirou, o galego é a lingua máis bela do mundo. Non hai ningunha lingua como ela. Xente ao lonxe, dixo marcando o son das xes coma ninguén. Eu sei cinco idiomas e traduzo libros entre eles e non hai ningunha, ningunha lingua coma a galega. É a máis bela de todas.

Seguro que algún dos lectores ou lectoras non me cre. Pois o tema ten fácil solución, colles un avión a Ibiza, de paso, gozas do clima e da beleza natural da illa e vas á feira hippy e buscas ao único libreiro que verás. Hoxe, quen vende libros? Cóntaslle esta historia e el che dirá se foi certa ou non.

E agora, por se non queda claro, teño que conectar coa páxina web. Con Celtia. Falaba en Sama de Langreo de eufonía, unha palabra que me parecía estar inventando nese momento pero que, segundo a wikipedia inglesa a inventou o inglés JRR Tolkien, un enamorado da toponimia galega que aprendeu dela para redactar a toponimia da Terra Media dos seus libros e das demais. Del falarei noutro momento. Pero xa vexo que coincidimos en varias cousas.

A fala gaélica busca a eufonía, busca a claridade de entendemento auditiva, non de entendemento escrito, pois hai miles de anos non tiñan escritura. Pretendían aprender todo de memoria, (así dos druidas dise que tiñan unha formación de 20 anos ou así), pero da memoria auditiva, non da memoria visual -eu son máis da memoria visual-.

Para memorizar algo auditivamente tes que facer ritmo nas palabras, incluso rima, e facelas eufónicas. Todas as linguas teñen trucos para marcar ritmo e marcar eufonía. No inglés, dezasete vogais, por exemplo. Así que teremos que saber porque a lingua galega é eufónica, porque segue a eufonía celta, eufonía auditiva, o que dá por resultado ser bela, como dicía o libreiro ibicenco.

Aí si, si lle dou a razón ao autor da película Arrival que dicía que os galegos inventamos a nosa lingua porque a considerabamos coma unha arte. Auditivamente, si. Pois herdábamos o concepto de eufonia do gaélico, inventado por nós hai miles de anos.